Thursday 16 de May de 2024

A sala de exposicións de Brión albergará ata o 20 de maio a exposición de pintura “Like a rolling stone”, de Carmen Torres


O alcalde de Brión, José Luís García, e a pintora Carmen Torres inauguraron na noite do pasado venres a exposición de pintura “Like a rolling stone”, que poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión ata o vindeiro 20 de maio. “Like a rolling stone” é unha colección de trece cadros minimalistas de Carmen Torres onde os elementos inorgánicos das paisaxes toman o protagonismo da exposición.

José Luís García salientou o feito de que aínda que se trata da primeira exposición individual de Carmen Torres en Brión, a pintora xa participara nas edicións sexta e sétima do certame de pintura Novos Valores. “Se daquel certame de pintura, que como moitas outras cousas a crise económica levou por diante, puidemos chegar a esta magnífica exposición que hoxe estamos inaugurando, pois entón aquel esforzo pagou a pena”, apuntou García ante unha trintena de persoas.

“Like a rolling stone” é a cuarta exposición individual de Carmen Torres, artista formada no obradoiro de Xurxo Mariño. Previamente ten exposto “Miscelánea”, no Casino de Santiago; “Visións”, no cento empresarial do Tambre; e “Elementos: terra, agua e aire”, no Colexio Oficial de Psicólogos de Santiago. Gañadora do certame de pintura CreArte 2011 da Universidade de Santiago de Compostela, foi finalista dos “Novos Valores 2009” do Concello de Brión, onde xa expuxera no ano 2012 nunha mostra colectiva denominada “Matinando”.

“Like a rolling stone” é unha selección de paisaxes en miniatura nos que a pintora entra no detalle dunha paisaxe, naqueles elementos que o ollo adoita pasar por alto. Así, a exposición céntrase nos elementos inorgánicos que compoñen esas paisaxes, permitindo apreciar un novo universo con pequenos redutos de beleza.